- Editorial:
- EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA, S.A.
- Materia
- Filoloxia
- ISBN:
- 978-84-9121-107-5
- Páginas:
- 520
- Encuadernación:
- Rústica
- Colección:
- Universitaria
HISTORIA DA LITERATURA GALEGA III
DE 1916 A 1936
PENA, XOSÉ RAMÓN
Continuando o relato iniciado polo primeiro volume -Historia da Literatura Galega I. Das orixes a 1853 (Xerais 2013)- e polo segundo -Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento (Xerais 2014)-, aparece agora a terceira entrega do ambicioso proxecto emprendido por Xosé Ramón Pena. Trátase, en liña cos labores anteriores, de construír unha narración proporcionada e obxectiva da etapa vivida polas letras galegas entre 1916 -data da fundación das Irmandades da Fala- e xullo de 1936 -momento en que deu inicio a Guerra Civil española-. Unha xeira que ben merece o cualificativo de «anos de prata», xa que asistimos nese tempo á consolidación dunha literatura galega que acada a súa plena madurez, en directa converxencia coas correntes estéticas universais: isto é, unha afinidade que a obra escrita no idioma de noso -a pesar dos magníficos relampos atinxidos no século XIX, e singularmente da man de Rosalía de Castro- non amosara desde a Idade Media, coa eclosión do lirismo trobadoresco.
Comprender os textos literarios producidos nese período como parte integrante -en interacción continua- da mobilización galeguista/nacionalista; consideralos, xa que logo, na súa dimensión sociocultural e sociopolítica; indagar neles a preocupación, por parte dos seus creadores, respecto da concreción dunha estética nacional; abordar o macrotexto que conforman na súa converxencia vertical e na súa proxección horizontal, configuran outros tantos piares que alicerzan a tarefa das presentes páxinas. Unhas páxinas, ademais, nas que Xosé Ramón Pena buscou considerar o conxunto do bosque literario, mais tamén discernir, alén de prexuízos e clixés, a verdadeira dimensión das especies que o compoñen.